TRIVIUM dentro das empresas invitadas ao Congreso da UAM

O director de TRIVIUM foi convidado polo Departamento de Prehistoria e Arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid a participar no IV Congreso Internacional De Arqueología, Arte e Historia de la Antigüedad Tardía y Alta Edad Media Peninsular, orientado ao fenómeno rupestre e á súa investigación e posta en valor.

San Pedro de Rocas

A conferencia versou sobre o guión museolóxico do Centro de Interpretación da Ribeira Sacra de San Pedro de Rocas, que a nosa empresa rematou no ano 2007, e tivo lugar na última mesa sectorial do congreso, que tiña como tema común a posta en valor do patrimonio rupestre. O Congreso contou coa participación de profesionais moi reputados como Ramón Bohigas, Antonino González Blanco ou José Ignacio Padilla.

Para TRIVIUM foi un verdadeiro pracer coñecer personalmente aos colegas asistentes a esta xuntaza e pensamos que de aqui poden saír novos proxectos en común con algúns deles.

Vinaròs

A inactividade do blog nos últimos meses ten a súa razón de ser precisamente por ser o período de maior actividade do equipo de Trivium. Continuamos pois a nosa andaina contando o que nos acontece e o que acontece ao noso redor cun salto á beira mediterránea. Esta mañá asinamos nas oficinas do Ajuntament de Vinarós a adxudicación definitiva do primeiro proxecto de Trivium  fóra de Galicia.

Vinaròs

Trátase dun concurso público para deseñar e producir unhas audio guías no destino castellonense do langostino. A proposta estará dispoñible en cinco idiomas e enfocada a dous públicos distintos: nenos e adultos. A presentación do proxecto levarase a cabo na vindeira edición de FITUR.

(Re)Descubrir o río Sarela

Este mércores presentouse no Concello de Santiago o folleto despregrable De Ponte a Ponte polo río Sarela, que estivemos a elaborar nas últmas semanas; unha guía para que os veciños e veciñas de Compostela poidan desfrutar dun espazo recentemente recuperado para o uso público.

.

despregable rio Sarela

 

En nove etapas ás que se pode acceder independentemente, sinálanse os recursos máis destacados que podemos atopar, un mapa detallado e unha pequena descrición do percorrido. O Sarela, tan explotado noutros tempos e integrado na cidade nunha parte do seu curso, conta unha nova historia en cada tramo. Unha oportunidade nova para quen non o coñeza.

 

 

Enlaces relacionados:

- Concello de Santiago
- La Voz de Galicia
- El Correo Gallego

 

 

 

Achegarnos aos espazos protexidos. O LIC Xubia-Castro

O sistema fluvial dos ríos Xubia e Castro, integrado na Rede Natura 2000, será o centro de atención das xornadas que se van celebrar no concello de San Sadurniño osvindeiros 10 e 11 de maio. Exporanse múltiples aspectos do espazo protexido e completarase o encontro o domingo cun percorrido pola zona.

Presa do Rei no río Xubia

 

Fai uns meses, deseñamos a ruta que percorre o Xubia río arriba desde a súa desembocadura ata as inmediacións de Pedroso, un entorno cheo de elementos de gran interese, desde o patrimonio industrial vinculado ao aproveitamento do caudal do río á biodiversidade apreciable nas súas ribeiras e humidais.
A mellor vía para a protección é o coñecemento, así que vos animamos a participar das xornadas.
O programa completo en Vieiros.

II Congreso de Patrimonio Etnográfico. Lembrando a Xaquín Lorenzo

Hoxe remata o Congreso titulado “O patrimonio no século XXI”, celebrado na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense e no que se lembra o centenario do etnógrafo e investigador Xaquín Lorenzo. Orientado a alumnos e profesores, nas xornadas revísase o estado actual dalgunhas das investigacións das que Xocas foi pioneiro: O xogo tradicional, os oficios, a tradición oral, … todo iso cunha certa vocación transfronteiriza vinculada á iniciativa da Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués promovido pola asociación Ponte nas Ondas.

 Cartaz do Congreso

Das iniciativas e proxectos presentados, dous a destacar: O Proxecto Ronsel, ambicioso plan que aglutina numerosas actuacións encamiñadas á conservación e estudo do patrimonio cultural intanxible, e a ruta literaria que unirá as distintas figuras do Rexurdimento, a partir da iniciativa das Fundacións Rosalía de Castro e Curros Enríquez, coincidindo co centenario do pasamento deste último.

Enlaces relacionados.

- Programa completo do Congreso.

- Noticia en Canal Patrimonio.

Presentación do Plan Director de Turismo da Guarda. Horizonte 2011

Rematados os traballos de investigación e redacción, o concello da Guarda presentou aos medios o Plan Director de Turismo, realizado polos técnicos de Trivium. Un documento preciso para a planificación estratéxica do sector nun concello que alberga un dos recursos máis visitados de Galicia, como é o monte de Sta. Trega, pero que precisa dun empuxe definitivo para se consolidar como destino e mellorar a calidade dos seus servizos.

Presentación Plan Director A Guarda

O informe presentado parte dun diagnóstico exhaustivo da oferta e da demanda, despois da cal se recollen todos os programas básicos de actuación e as accións estratéxicas a levar a cabo, analizadas e clasificadas segundo a fase na que se deben desenvolver, os axentes implicados e a achega orzamentaria necesaria para a súa execución.

As liñas básicas de actuación están orientadas á mellora do producto turístico de A Guarda, a posta en valor dos recursos infrautilizadose e a consecución dun salto cualitativo na xestión e organización do sector.

Gráfico A Guarda

 Así o recollen en:

 - Inforosal.com

 - Faro de Vigo

Trivium está de mudanza

Entre mobles, arquivos e caixas de cartón, estes días están a ser moi atarefados mentres nos instalamos no noso novo estudio. Iso si, sen abandonar o corazón do casco histórico compostelán, un espazo único no que traballar e no que vivir. Agora estamos na rúa do Vilar, 46. Tras da porta do segundo á dereita seguimos a por en marcha os nosos proxectos. Todos sodes benvidos e benvidas.

Rúa do Vilar 46

Itinerario pola Historia: A Batalla de Cacheiras

Os visitantes que se acheguen ao concello de Teo poden percorrer o territorio polo que os 3.000 homes que comandaba o xeneral Solís avanzaron ata se enfrontar co exército nacional no alto de Montouto. Estamos en abril de 1846, e o pronunciamento contra o conservadurismo do Estado comezado en Lugo vai chegar ao seu punto de inflexión neste escenario. A desigualdade das forzas enfrontadas faría fracasar o alzamento e concluiría co repregamento a Compostela e detención dos instigadores nun primeiro momento e coa súa execución en Carral tras dun xuizo sumarísimo.

Panel da Batalla de Cacheiras

 

Co deseño e sinalización deste roteiro dáselle un novo pulo á reivindicación dun feito histórico que acadou grande importancia entre os intelectuais precursores do galegismo. O propio Murguía foi testemuño directo da fin da revolta en Compostela desde a súa casa no Cantón de San Bieito, a uns metros de onde escribimos estas liñas.

Actualización 24 de abril:

Onte cumpríanse 162 anos da batalla, data escollida polo concello de Teo para inaugurar a sinalización do roteiro da mellor maneira posible, facendo o percorrido cun grupo de escolares de Cacheiras e Carral.

Podese ler a noticia en:

- El Correo Gallego

- La Voz de Galicia

O catálogo de monumentos naturais: Pena Corneira

A protección dos espazos naturais de Galicia está regulada pola Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, na que se establecen ata oito réximes de protección diferentes: reservas naturais, parques, monumentos naturais, humidais protexidos, zonas de especial protección dos valores naturais, paisaxes protexidas, espazos naturais de interese local e espazos privados de interese natural.

Concretamente, a declaración de monumento natural busca a protección de espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial. Inclúense tamén nesta clasificación xacementos paleontolóxicos e formacións xeolóxicas, como é o caso de Pena Corneira; lugares sen a dimensión precisa para ser declarados parques naturais pero coa importancia suficiente para precisar de medidas que salvagarden a súa integridade.

 

Pena Corneira

Tanto a rechamante formación granítica que a conforma coma o bosque que a rodea son abondo para xustificar a declaración, que converte a Pena Corneira no sétimo monumento natural galego, despois da inclusión fai uns meses da Carballa da Rocha, a impresionante árbore próxima ao noso estimado pobo de Congostro, en Rairiz de Veiga.

No ámbito da promoción turística, a nova ten unha doble vertente: desperta a atención mediática por un lugar xa coñecido polos amantes da natureza -por aqui discorre o sendeiro PRG-78 e é destino de escaladores-, e entronca directamente co turismo rural e cultural. Asi e todo, a declaración so avanza o uso que do territorio fagan os visitantes, pero non promove un modelo de xestión que garantize a sostibilidade, que valorize o espazo natural como contribución ao desenvolvemento do territorio. Esas medidas corresponden a unha nova etapa, co desenvolvemento dos chamados “Plans Rectores de Uso e Xestión”, nos que a regulación dos usos turísticos debe quedar establecida.

Itinerarios musicais nas vilas galegas

Xa fai uns meses tivemos a ocasión de descubrir o primeiro exemplar da colección Itinerarios Histórico-Musicais editada por Ouvirmos, que nos achegou á historia musical da cidade de Pontevedra. Nestes días presentáronse os seguintes exemplares da serie, correspondentes ás vilas de Celanova, Mondoñedo e Rianxo.

Queremos reseñar esta iniciativa por varias razóns, aínda que a principal é a de destacar a creación dun produto editorial que sabe combinar á perfección varios elementos:

  • A vinculación ao territorio, ao patrimonio arquitectónico e cultural de cada unha das vilas, e, por extensión, á promoción do turismo cultural de cada unha delas.
  • O deseño real dunha proposta de percorrido, documentado e sinalizado, que fai da guía un instrumento vivo que amplifica a experiencia do visitante.
  • A difusión da investigación histórica nun campo, o do patrimonio musical galego, de grande importancia e moi pouco coñecido.
  • Un formato, o Libro-CD, coidado, atractivo e moi práctico para calquera non iniciado na musicografía., no que se inclúen gravacións e guías de escoita de pezas nalgúns casos inéditas.

A serie continuará coas guías de Monforte, Compostela, A Coruña, Ribadavia, Ferrol, Betanzos, Lugo, Tui, Ourense, Vigo e Muros-Noia, co que teremos unha visión ampla da riqueza do patrimonio musical galego, desde as liturxias barrocas á música tradicional.

Enlaces relacionados: