A bitácora de Trivium

5/08/2007

Inauguración oficial do Centro de Interpretación da Ribeira Sacra.



Despois de varios meses de intenso traballo, por fin colleu a súa forma definitiva o proxecto de recuperación e musealización da casa prioral de San Pedro de Rocas. O edificio acolle agora o Centro de Interpretación da Ribeira Sacra, que serve de base para a posta en valor dos recursos da zona e como un eixo de desenvolvemento para o turismo cultural da comarca.

Desde este Centro procurase que o visitante coñeza e desfrute de tódolos ámbitos de interese que desde estas terras se lle ofrecen: unha visión da vida monástica que dou forma ao propio espazo de San Pedro de Rocas e a outros próximos durante séculos, unha aproximación á súa riqueza natural e unha especial atención ao patrimonio etnográfico: Festas, tradicións, oficios artesanais, música, a cultura do viño...

Aínda que non vai estar aberto ao público polo momento, agardamos que en breve poidamos publicar a noticia da chegada dos primeiros visitantes.

Novas relacionadas:

Conselleria de Innovación e Industria
La voz de galicia
La region
Cultural Sacra

4/27/2007

I Encontro de Historiadores da Arte de Galicia

Celebrouse esta pasada fin de semana na sede da Fundación Caixa Galicia, en Santiago de Compostela, un encontro convocado pola Asociación Profesional de Historiadores da Arte de Galicia, que serviu como punto de arranque para a análise da situación profesional do sector. Desde a organización convidóusenos a participar nunha das mesas redondas, na referida a Didáctica e Difusión do Patrimonio Histórico-Artístico, onde Trivium expuxo a súa experiencia como proxecto, no que a formación e o perfil do equipo de traballo debe ser multidisciplinar e integradora a un tempo. A nosa felicitación aos organizadores polo traballo feito e o noso apoio para próximas convocatorias que abran as portas aos profesionais a un campo de actuación tan amplo coma desaproveitado.

11/30/2006

Está en marcha o segundo Plan de Calidade Turística da Costa da Morte

Onte presentáronse no Museo de Bergantiños as medidas incluídas no novo Plan de Calidade, que continúan na liña das anteriores e se poden englobar en tres eixos básicos: A creación dunha marca identificadora da oferta turística da Costa da Morte, a revalorización do patrimonio e a cooperación co sector turístico.
En canto a este último punto, as actuacións previstas inclúen xornadas de formación para os empresarios así como asesoramento personalizado para deseñar as accións específicas para cada caso, tanto para aqueles empresarios que conseguiron o distintivo de calidade na primeira fase como para aqueles que se queiran incorporar agora ó plan. Espérase con todo isto mellorar substancialmente a calidade na prestación de servizos e a formación do persoal do sector.

11/27/2006

TRIVIUM deseña o roteiro histórico de Corcubión

No marco das actuacións a realizar dentro do Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte, foinos encargado o deseño e vertebración dun roteiro histórico que discorre polas rúas do Conxunto histórico-artístico da vila de Corcubión.
O roteiro histórico vai poñer en valor dun xeito atractivo e ordenado os elementos máis destacados desta interesante vila mariñeira, desde un punto de vista arquitectónico, histórico e cultural.
O traballo realizado por TRIVIUM inclúe o estudo previo e inventariado dos recursos escollidos, o deseño final do trazado, a sinalización necesaria e a edición do material gráfico para informar e orientar ós visitantes.

9/25/2006

Bo agosto en chegada de turistas internacionais

Segundo os datos da enquisa de FRONTUR correspondente o mes de agosto de 2006 elaborada polo Instituto de Estudios Turísiticos (IET), 7,6 millóns de turistas chegaron a España, o que supón un 3,3% máis que no mesmo período do ano pasado. Deste xeito, a cifra turistas internacionais acumulada nos oito primeiros meses deste ano, sitúase en 41 millóns, o que supón un incremento de case un 5% con respecto ao pasado ano.
Os seis principais destinos Cataluña, Illas Baleares, Andalucía, Illas Canarias, Comunidade Valencia e Madrid, acapararon case que o 90% das visitas cuxos mercados emisores correspondían a británicos, franceses e alemáns.
No que atinxe ao noso país, o mes de agosto pódese considerar coma excelente, se temos en conta os tráxicos acontecementos que marcaron tristemente ao noso monte durante aquel mes. Algo máis de 180.000 visitantes chegaron a Galiza, o que a sitúa no ranking estatal no posto noveno mensual, mentres que ocupa a oitava praza no acumulado dos oito primeiros meses en número de turistas. A espera de que saian publicadas as análises que a Dirección Xeral de Turismo e a propia Consellería de Industria e Innovación están a realizar, parece que afortunadamente a vaga de lumes deste mes non afectou moito o resultado final en canto a número de visitantes. Sen embargo, queda unha pregunta no aire, ¿cantos visitantes máis tiveran elixido Galiza como destino das súas vacacións se os incendios non se terán producido?

9/20/2006

Desestacionalizando...

A Consellería de Innovación e Industria, o Consorcio de Turismo de A Coruña e a Asociación Empresarial de hospedaxe (Hospeco) firmaron na mañá de onte un convenio de colaboración para posta en marcha dunha campaña de promoción da cidade. O obxectivo desta acción, cun orzamento de 225.000 €, é o de desestacionalizar a demanda turística da cidade fóra da tempada de verán, fins de semanas e pontes.
Para ilo, un autobús itinerante percorrerá as principais cidades do Estado e de Portugal, amosando os atractivos e as potencialidades turísticas da cidade herculina.
Este tipo de acordos de colaboración entre Administracións Públicas e Privadas son estratexias a imitar sempre. Preparar plans de desestacionalización amplos, globais, intersectoriais dos destinos baseados na especialización da oferta e súa promoción permitirá unha maior rendibilidade das inversións. Esta iniciativa ademais sitúase nun marco cronolóxico apropiado, ao remate da época estival, polo que pode preverse o éxito do plan.

9/18/2006

Novo número da revista cultural Interea

A Excma. Deputación da Coruña ven de publicar nestos días un novo número, o sétimo, da súa revista Interea Visual.
O tema central deste exemplar é a comunicación cultural. Así, xornalistas, deseñadores, editores e xestores culturais reflexionan en interesantes artigos sobre as diferentes problemáticas do que é comunicar en cultura, do valor que ten, e do feito en que se está a tratar o asunto na actualidade polos diversos axentes. Neste senso, a conversa entre J.L. Estevez, D. Seixo, D. Romero e L.Álvarez, pareceunos moi interesante. ¿Como se comunica a política cultural dunha Administración ou dunha Institución Privada? ¿Cales son os sistemas e os medios destinados a que a poboación estea informada sobre as actividades culturais que se ofertan?.
O tratamento das canles de comunicación en calquera tipo de política é un tema fundamental hoxe. Este tratamento debe de partires dunha planificación estratéxica cuns programas e cunhas accións concretas, ordenadas no tempo, para a procura dos obxectivos desexados. A proliferación dos gabinetes de prensa, a profesionalización das relacións públicas son probas tanxibles desta relevancia. O dominio e a experiencia nos criterios de funcionamento dos medios de comunicación tradicionais e a utilización dos novos soportes coma webes ou blogs son aspectos que nos han de axudar a conseguir unha política de comunicación cultural eficaz.